24.3.05

cando habites se acaso na terra que alimenta

cando habites se acaso na terra que alimenta
e non poidan os ollos que me guian
dirixir ao teu corpo que foi xoven
unha piadosa mirada de rocio primeiro
que poderei pedir à eternidade
para que o milagre cruel da tua presenza
irradie nos meus ollos o sol dos dias que arderon

quixera despir-te tantas vezes
como o sol cai nas trevas
ou as areias silvan nas praias de occidente
quizera contemplar tan delongadamente a tua beleza
que acaso comprendese
por que unha ave sonámbula trapasa o horizonte e non regresa

es tan fermosa e xoven
tan natural e bela
que a natureza incita o meu desexo
sen limite nem esmorecimento
a tua presenza é un rio misterioso
que entra extenuado no meu ser
a tua alegria un sulco
de punzante exaspero
que me toca e me fere

meu amor
o dia en que ao acaso alén do océano
sexas pasto das trevas
e un rio misterioso che dé folgos para un novo nacer
lembra a vida sombria e miserenta
na que nunca me saciei de beber
para acaso reter-te

Xavier Seoane - Regreso e Advenimento > II-XVIII
Castro/Moret, A Coruña, 1990

tralha

cavaleiros electrónicos

oscavaleiroscamponesesATyahooDOTcom

camponeses